E a partires de mañá... que? - Inicio da tercerira avaliación
Luns, 13 de abril de 2020
Mañá comezamos formalmente a terceira avaliación. E así nos atopamos: sen información, sen directriz ningunha e sen saber moi ben que é o que temos que facer. Pero aquí seguiremos nós.
A día de hoxe me parece completamente imposible que levemos con normalidade o que nos quede de curso e que poidamos avaliar con total obxectividade un curso tan particular como é primeiro de educación primaria. Non obstante, todo o que pasou ata esta mañá me parecía imposible tamén; así que... haberá que seguir tirando -con axuda ou sen ela-. Como non podemos saber que nos van a esixir en xuño, nin que tipo de decisións teremos que tomar, imos a empregar este blog como principal medio de comunicación, como o até de agora; pero incorporando algunha novidade.
KAHOOT
Hoxe vos presento a primeira delas: o uso da ferramenta Kahoot.
Kahoot é unha ferramenta tecnolóxica dispoñible en liña, non precisa descarga de ningún tipo de aplicación ou programa, que se pode empregar dende os móbiles, táblets ou ordenadores. O kahoot nos permite crear exercicios de preguntas que teñan respostas tipo test. O alumnado responde de forma telemática a estas preguntas a través de calquera dos soportes arriba mencionados e nós recibimos os resultados das súas respostas xunto coa identidade de quen as respondeu.
Por suposto non imos a comezar a empregar isto como un sistema de avaliación, xa que o kahoot permite realizar tantas veces como se queira cada cuestionario e porque tampouco podemos controlar -nin queremos- o grao de axuda que reciba cada nena ou neno. Aínda asi, nos parece interesante esta ferramenta porque nos dá unha idea de a que alumnas e alumnos estamos chegando co noso traballo e iso nos pode tamén facer ver que podemos cambiar para chegar ao maior número posible de rapazada das nosas aulas.
COMO EMPREGAR O KAHOOT: TUTORIAL PASO A PASO
Primeiro de todo, dicirvos que é unha das cousas que máis me gustan de Kahoot é o fácil que resulta de empregar, así que non teñades medo a usalo, porque resulta bastante sinxelo. Aínda así vos explicarei paso a paso o que hai que facer, para que non nos perdamos:
1.-Entrar no enlace que vos indiquemos. Cada kahoot que vaiamos a crear estará dispoñible nun enlace único que deixaremos á vosa disposición. Para esta ocasión creei unha proba que estará dispoñible aquí: enlace á proba do Kahoot.
2.- Introducir un nome. Para mellorar a nosa atención e saber que persoas están a recibir as nosas comunicacións e quenes non, nos gustaría que neste apartado puxésedes o nome do neno ou nena que ten que responder, xunto con 1A (para a clase de Crespo) e 1B (para a clase de Silvia). Por exemplo: Pepiño 1A. No caso de que tivésedes algún problema e sexa preciso volver a entrar a responder as preguntas -non vos deixará usar o mesmo nome- podedes empregar este formato: Pepiño_2 1A, así sabemos que tivestes que entrar unha segunda vez.
Nos piden un nome |
Introducimos un nome válido |
3.- Responder as preguntas. Primeiro sae unha páxina na que vos indica a pregunta que hai que responder e tras iso aparecen as opcións. Pode haber dúas, tres ou catro opcións. Unha vez que rematedes de responder vos indicará a vosa puntuación e vos dará un enlace que vos permite coñecer as puntuacións do resto de compañeiros e compañeiras -algo que tampouco podemos desactivar-.
Nos aparece unha pregunta |
Nos aparecen as respostas a continuación |
4.-E xa está. Non é preciso envialo nin nada parecido. Recibimos os datos automaticamente na nosa conta persoal de kahoot.
As probas estarán sempre dispoñibles por un tempo determinado, que deixaremos por escrito na propia entrada do blog.
Neste caso, a data límite é o venres ás 12 do mediodía.
COMO USAREMOS KAHOOT?
O uso que imos dar a Kahoot será, polo momento, dentro da área de matemáticas. A pesares de que xa o empregamos no pasado, esta é a primeira vez que o facemos sen estar nós presentes co alumnado que responde, polo que non coñecemos o alcance do mesmo. Se vemos que nos gusta e que vós estades de acordo, extenderemos o seu uso ao resto das áreas.
Tamén queremos deixar constancia que dende a Consellería, a día de hoxe, non se comunicaron con nós para indicarnos se debiamos ou non recadar información de cara a unha eventual terceira avaliación; polo que non podemos dicir que tipo de uso imos a empregar cos resultados que obteñamos do uso desta ferramenta. Iso si, ata o de agora está en vigor o que se nos informou a finais da segunda avaliación, onde quedaba claro que é voluntario o traballo realizado en casa durante a corentena. Se a situación fose a cambiar volo informariamos previamente.
COMO PODEDES USAR O KAHOOT NA CASA?
Aquí cada familia escollerá como queren facer con esta ferramente baseándose en: dispoñibilidade de medios electrónicos, destreza do alumno ou alumna cos medios tecnolóxicos e tempo dispoñible de cada quen. Aínda así, vos indicaremos unha serie de instrucións que podedes ter en conta:
- As operacións matemáticas e exercicios que se vaian a realizar estarán dispoñibles na entrada correspondente do blog. Non é preciso facelas no mesmo momento no que se responde o kahoot. De feito, preferimos que o alumno e a alumna en cuestión se tome cadanseu tempo e o fagan nun caderno e no kahoot poñan as respostas que xa obtivesen previamente no papel.
- O tempo para responder o alumnado no kahoot será de 1 minuto por pregunta. Daralles tempo a mirar o que fixeron no caderno e responder sen ter que ir demasiado apurados ou apuradas. Se aínda así observades que non lles dá tempo a responder, comunicádenolo para poder adaptalo.
- Debe responder o alumnado ou as familias? Aquí cada quen fará como mellor estime oportuno. Iso si, se o alumnado se familiariza co uso das novas tecnoloxías de paso é unha vitoria dobre. Se non é posible e sodes vós quenes pasades ao Kahoot as respostas que o alumnado achou no caderno, tamén estará ben feito.
Bo idea para motivar os nenos, para min o único inconvinte é que o remate do cuestionario sale o listado de alumnos cos acertos e o que non se trata e xerar competición. Un saudo
ResponderEliminarMoi boas! Como indico no artigo de explicación da ferramenta, iso é algo que non se pode quitar e que de poder o quitaría con gusto.
Eliminargracias Crespo
ResponderEliminar