English II - Novas aplicacións recomendadas
Venres, 10 de abril de 2020
A semana pasada recomendaba o uso dunha aplicación para traballar nestes tempos de casa co alumnado, esa aplicación era o duolingo. Despois de que pasase unha semana, moita xente alcanzaría xa un bo nivel na mesma e observaría que nos atopamos ante un problema: a dificultade comeza a ser demasiado alta nos seus exercicios. Se ben é certo que as primeiras partes son bastante asequibles e case non implican a escritura ou a lectura, a medida que avanzas na aplicación comeza a ser máis e máis preciso.
Por ese motivo hoxe vos traio unha batería de aplicacións para que escollades entre elas cal se axusta mellor ao que queredes traballar en casa. Así mesmo, acompaño unha breve valoración tras empregala durante uns minutos. Nesta opinión tiven en conta os seguintes aspectos:
- Gratuíta. Hai moitas aplicacións e podemos clasificalas en tres grupos: gratuítas con anuncios, versións de proba gratuítas -pero que despois de avanzar un tempo ou uns contidos piden un pago- e, por último, aplicacións de pago. Estas últimas as descartei totalmente e só recollo as que son gratuítas con anuncios ou que son versións de proba aínda que estas só nos deixe avanzar un pouco. Aínda que pareza mentira, nos tempos de internet e da universalización do coñecemento, houbo moitas aplicacións que tiven que descartar directamente por esixir un pago xa para comezar.
- Mínimo impacto na lectoescritura. A lectoescritura é un obxectivo de primeiro de primaria, pero en galego e castelán. En inglés iso é algo que se deixa para o curso seguinte. Por suposto podemos facer un inicio a esta, pero nunca pode tratarse dun exercicio no que só se basee en escribir ou en ler en inglés xa que é algo que aínda non está afianzado.
- Que resulte divertido. Iso é o máis importante.
Por suposto, quixese lembrarvos que isto volve a ser unha recomendación totalmente voluntaria e só para que manteñades un pouco a rutina de traballo en casa. Lembrade que os obxectivos para inglés en este curso é a aclimatización e o coñecemento de vocabulario ao redor de diversos aspectos: comida, actividades, animais, cores, números, roupa e partes do corpo.
POPTROPICA ENGLISH WORD GAMES
De todas as que empreguei é a que máis me gusta. Posiblemente non é a máis completa, pero si a que presenta maior cantidade de contido gratuíto e asequible para o nivel do alumnado. En si mesma, a aplicación é moi sinxela constando só de tres tipo de actividades que deberemos facer para conseguir diñeiro no xogo. Con este diñeiro podemos facer dúas cousas: comprar novos niveis para unha das tres actividades ou decorar algunha das xa existentes. No momento no que escribo estas liñas vos comento que cheguei ao nivel 10 e non apareceu a necesidade de ter que pagar polo seu uso e o nivel non se voltou demasiado duro ou imposible para o noso alumnado. Por iso é a miña preferida.
A continuación vos describo as tres actividades que hai a disposición nesta aplicación:
- Word factory. Unha voz nos di unha palabra e nós debemos dicir se é a imaxe que aparece ou non na pantalla. A medida que aumenta a dificultade o vocabulario aumenta, pero non a dificultade do exercicio. Por suposto nos encontramos varias palabras que o alumnado aínda non coñece, pero por ensaio-erro poden deducir cal é o seu significado.
- Word race. Nos primeiros niveis consta dunha palabra á que lle falta unha letra e nos dan a escoller entre tres posibilidades. Despois, nos seguintes niveis vaise complicando, pero é unha boa actividade para iniciarse na lectoescritura en inglés.
- Word tower. Unha voz nos di unha palabra e debemos escoller entre as tres palabras -acompañadas dunha imaxe- para que esta caia e se vaia acumulando formando unha torre.
FUN ENGLISH
Podería ter sido a que máis vos recomendase se non fose polo detalle de que só é unha versión de proba gratuíta na que se inclúen só dous temas: cores e animais. Aínda así, merece moi a pena e vos recomendo que a empreguedes só para eses dous temas, xa que inclúe bastantes actividades diferentes incluídas nas que o alumnado ten que falar e repetir palabras.
Algunhas das actividades consiste en tocar na pantalla aqueles cores ou animais que nos di, tamén hai que facer un xogo similar ás parellas, repetir palabras e recoñecer os obxectos entre unha batería dos mesmos.
Tras finalizar as dúas unidades gratuítas non apareceu a lectoescritura en ningún modo, polo que o nivel é bastante asequible para o alumnado.
TINY CARDS
Pertence á franquicia de Duolingo e nos presenta un respositorio de actividades creadas por diferentes persoas. Entre as actividades podemos atopar algunha indicada para a idade do noso alumnado: cores, tempo atmosférico ou preposicións en inglés, entre outras. Non obstante, debido a que permiten que cada persoa poida crear recursos neste portal, ás veces non está ben catalogado e nos podemos atopar con cursiños de electrónica no medio do vocabulario de inglés. Non é unha mala idea para traballar o recoñecemento audativo de palabras en inglés dentro un vocabulario reducido.
As actividades sempre consisten nunha explicación previa na que pulsando sobre unha das tiny cards nos di a palabra que representa para a continuación ocultarnos esa palabra entre outras do mesmo campo semántico.
Por suposto, ademais destas aplicacións hai outras moitas que poden ser empregadas con finalidades similares; pero posiblemente estas tres reúnen as mellores características dentro de aquelas que son gratuítas. Outras aplicacións como Lingokids, que pertence a Duolingo, son de pago dende un inicio e outras como Lingualeo ofrece un nivel demasiado elevado para o noso alumnado. Tamén descartei aplicacións como Dinolingo por presentar un estilo de aprendizaxe demasiado pasivo, consistente en ver historias e nas que non existe demasiada interacción. Aínda así, as recollo aquí por se alguén as quere considerar e ver as súas posibilidades.
Comentarios
Publicar un comentario