Manualidades en tempo de corentena
Xoves, 9 de abril de 2020
Sen dúbida estas semanas de cuarentea están supoñendo para vós un reto de imaxinación á hora de inventarvos que facer coas rapazas e os rapaces na casa. Nesta procura nosa por proporvos actividades que manteñan ocupadas as súas mentes e que exploten as súas potencialidades supoño que as manualidades son a raíña da casa e estou segurísimo que xa estivestes facendo corta, pega, pinta e colorea bastante... pero, algunha vez é suficiente?
Hoxe vos propoño tres manualidades que procurei pola rede, cousas sinxelas e con materiais que pode haber na casa. Por suposto, isto sempre son ideas que poden ser adaptadas ás vosas posibilidades, ás ganas do rapaz ou rapaza en cuestión ou ao tempo que lle queredes adicar a isto. Tamén hai manualidades que poden ser realizadas polo alumnado sen acompañamento e outras nas que sería preciso que estivese con el ou ela unha persoa adulta que guiase ou axudase en momentos puntuais: recortar ou pegar, por exemplo.
Por outra banda, primarei aquelas manualidades que teñan como obxecto base a reciclaxe. E é que precisamente nestes tempos nos que hai que limitar as saídas á rúa cando nos damos conta da cantidade de lixo que xeramos e o pouco que reutilizamos.
LAPICEIRO
O noso alumnado chega a unha idade na que comezan a ser uns axentes enviados polo caos que se adican a remexer, tirar, desordear e perder material por todas partes e despois, claro está, comezan os: "onde están as miñas cores?"
Para axudar ao alumnado a que sexa un pouco máis recollido na casa vos propoño este lapiceiro feito cos cartóns do papel hixiénico -que xa parece que volve a haber nos supermercados-. Ademais, tamén podemos meter algún cartón de papel de cociña para que nos quede a diferentes alturas e o resultado sexa máis logrado.
- Recoméndase empregar tres, catro ou cinco cartóns para que se acoplen mellor e non queden ocos baleiros no medio. Aplicamos un corte en diagonal no propio cartón. Podemos debuxar unha liña que o alumnado siga coas tesoiras. O mellor é que recortemos a diferentes alturas os cartóns para que sexa máis fácil de empregar despois e para que queden máis resultóns.
- Antes de continuar podemos xuntar os tubos para ver como quedarán na súa forma final e colocalos sobre unha base que tamén decoraremos. A base pode ser feita con goma-eva ou cartón. Á hora de recortar non o fagades moi axustado aos tubos ou despois podemos levar a sorpresa de que quedan fóra da base. Así que mellor deixar uns centímetros de espazo.
- Unha vez recortados chega o memento de pringarse. Empregando papel de xornal, cola branca e auga faremos unha pasta coa que cubrimos os tubos. Non será preciso facer moita cantidade xa que cunha soa capa fina é suficiente para que se endureza e para que poidamos pintar despois con máis facilidade.
- Decoración. A gusto de cada quen. Se hai pinturas en casa, pois pode ser unha boa idea empregalas neste momento. Se non é así, podemos empregar rotuladores, papeis de cores, fotografías pegadas ou incluso follas de revista que dobradas e pegadas cubran a superficie do tubo.
- Pegamos os tubos entre si e coa base.
COLLAGE
Se na casa tedes revistas e xornais vellos podedes empregalos para crear un collage. Ademais, se incorporades fotografías de carnet vellas podedes facelo aínda máis personalizado.
En realidade non é fácil facer unhas instrucións de como facer un collage, porque en realidade se poden facer de moitos xeitos. Así que vou a poñer unha serie de exemplos e explicar por escrito que técnica se empregou en cada un.
- Exemplo 1: Neste caso temos un debuxo que, en lugares de ter sido pintado ata o final, se empregou recortes de xornal para rechear a forma da galiña e dos poliños. Pode que este sexa unha boa forma de comezar a facer collage, xa que partimos de algo asequible para o alumnado e despois podemos axudarlles a escoller os recortes ou a recortar o xornal par que encaixe co noso debuxo. Tamén podemos comezar ao revés e facer os recortes primeiro e que o alumnado lle dea forma con rotuladores e cores.
- Exemplo 2: Aquí partimos dende unha perspectiva diferente. Primeiro se fai un debuxo dunha cara, pero sen ollos, boca ou trazo algún; só a silueta. Despois, con recortes de diversos tamaños cubrimos a forma enteira. Finalmente engadimos as cores para o pelo e buscamos ollos, bocas, narices entre as fotografías máis grandes do xornal e da revista. A autora deste collage xogou cos brancos e negros en contraste coas cores do pelo, pero podería ser perefectamente ao revés. Buscando cores similares nas revistas para cubrir a cara e o fondo e facendo o pelo en branco e negro.
- Exemplo 3: neste caso xa non hai debuxo algún. O proceso de creación é moi diferente aos anteriores, porque non podemos partir dunha idea xa predifinida, senón que percorremos unha revista ou un xornal e escollemos aquelas imaxes que máis nos gusten ou que nos trasmitan ideas. As recortamos e as pegamos, solapámolas ou retocámolas pintándoas. No exemplo de arriba vemos como a persona que o fixo escolleu solapar unha fotografía dunha bolboreta coa cabeza do elefante para semellar que son as súas orellas. Tamén podemos empregar outros materiais e xogar co relieve e coas texturas. O fondo desta obra é un cartón rugoso e o sol son recortes do que parece ser goma-eva.
- Exemplo 4: o uso das letras tamén pode ser unha moi boa idea. Neste caso a variedade é o éxito. Se empregamos diversos xornais, revistas ou incluso libros vellos e rotos podemos facer unha construcion como a anterior con palabras que coñezan os alumnos e alumnas.
XOGUETE PARA APRENDER A ATARNOS OS ZAPATOS
Aproveitando o tempo que están na casa podemos tamén ocuparnos en aspectos que normalmente quedan sempre un pouco máis desatendidos e que nin forman parte dos currículos de ensinanza, pero si que nos axuda a ser máis independentes e autónomos. Neste caso me refiro a atarse os cordóns do calzado, algo que esixe motricidade fina e madurez e que o noso alumnado xa podería realizar de forma autónoma.
Para aprender dun xeito máis divertido, podemos motivalos a construír este xoguete. Para iso precisaremos cartón dunha caixa de galletas ou de zapatos.
- Tomamos as medidas. Colocamos o pé do rapaz ou rapaza no cartón e marcamos a silueta para que despois poidan recortar seguindo a liña.
- Decoración. Hai que pintar as partes do calzado: punteira, buratos, lengüeta, talón... Podemos tamén pintar por completo o cartón e incluso empapelalo usando cola branca, auga e papel de xornal para despois pintalo con pintura ou rotuladores.
- Perforación. Mellor realizada por algún adulto ou irmán maior.
- Introdución dun cordón dun calzado vello e listo, xa podemos xogar.
Comentarios
Publicar un comentario