E se nos vemos as caras?
Martes, 26 de maio de 2020
Que tal van as cousas? Esperamos que vaia todo ben. Hoxe ademais das consabidas actividades de lingua galega escribímosvos para comunicarvos a nosa intención de facer unha nova actividade na que nos gustaría que participarades.
Paso a describirvos a actividade. Consistiría na edición dun vídeo na que aparecera todo o alumnado que quixese participar -xa sabedes, que aquí non obrigamos a ninguén a nada-. O vídeo sería editado por nós e estaría composto con pequenos vídeos de cada un e cada unha de vós mostrándonos algunha das seguintes situacións:
- Actividades, xogos ou calquera cousa que vos gustase facer moito durante estes dous meses, por exemplo: xogar aos lego, construír unha maqueta, facer un castelo con coxíns no sofá, teatro de marionetas... Calquera cousa vale!
- Algo que aprendésedes a facer durante estes meses: tocar a zanfona, desconxelar e limpar un conxelador... Calquera cousa vale!
- Os vosos libros favoritos que lestes nestes meses.
- Calquera outra cousa que non se me ocorre agora mesmo pero que co imaxinativas e imaxinativos que sodes seguro que a vós si.
COMO DEBE DE SER O VÍDEO QUE GRAVEMOS?
A idea é que sexa un vídeo curto: pode oscilar entre uns segundos e dous minutos como moitísimo. Do mesmo xeito, a intención é que se pase un bo rato en casa e non forzar a facer algo que non lles guste, así que o formato é libre e con iso quero dicir:
- Deben aparecer as caras dos rapaces ou rapazas? Non é necesario. O vídeo final será publicado en oculto nunha canle de youtube para despois ser publicada aquí no blog. Por suposto, o blog é algo que está en internet e xa sabemos o que pasa con todo o que está por inernet. A decisión a este respecto é enteiramente vosa. Tanto dá que sexa un vídeo no que se vexan as mans das vosas fillas e fillos como que se lles vexa de corpo enteiro bailando e cantando. A idea é que participe todo o mundo no formato que máis vos guste.
- Teñen que falar? Non é necesario. Se queredes contarnos cales foron os seus libros favoritos poden ensinalos a cámara ou dicirnos os títulos. Se queredes contarnos cal é o seu xogo favorito podemos ver un momento de como xogades ou pode a nena ou neno en cuestión contarnos. Aquelas persoas que queiran gravar un vídeo no que sale a rapaza ou rapaz falando poden escoller o que queiran dicir. Non é necesario que se presenten nin nada polo estilo.
- Ata que punto debemos editar o vídeo? Ata ningún punto. Mellor non o editedes antes de mandalo porque así a edición que lle fagamos aos vídeos os deixará a todos o máis semellantes posibles. Polo tanto, a non ser que sexa necesario, non incorporedes músicas ou efectos de vídeo. Evidentemente se se trata de cantar ou bailar, pois por suposto que si.
- Con que temos que gravar? Có móbil. Se en casa dispoñedes dun equipo de gravación estupendo podedes empregalo, por suposto. Pero un vídeo gravado en horizontal con móbil pode valer igual que calquera outro.
- Horizontal: permitídime que insista nisto. Normalmente cando gravamos vídeos no móbil poñemos o móbil en modo vertical e gravamos. O problema destes vídeos é que cando os pasamos a un ordenador temos un problema: ou sae torcido e debemos xirar o pescozo para velo ou só ocupa unha parte da pantalla, quedando o resto en negro. Para este vídeo é preciso que todos sexan gravados horizontalmente.
Gravado en horizontal |
- Como o enviamos? A través do móbil e whatsapp.
- Cal debe de ser a duración? Como indicaba máis arriba, entre uns segundos e dous minutos debería ser suficiente.
- Ata cando podemos envialo? Nós despois de recibir os vosos vídeos deberemos montalos e editalos todos. Polo tanto, precisamos unha marxe de tempo suficiente para que antes do final de curso o teñamos preparado. Por iso, a data límite será:
Sábado, 6 de xuño de 2020
PERMISOS DE IMAXE
Tódolos anos, ao inicio de curso, vos pasamos un montón de papeis entre os cales están os de cesión dos dereitos de imaxe. Esta autorización nos permite realizar actividades, fotografialas e subilas á nosa páxina web. Non obstante, este vídeo será subido a un blog que non forma parte da páxina web. Por suposto, este vídeo non gozará ningún tipo de promoción nin será usado para ningún outro fin máis que o de ser visto polas familias que empregades este blog e, como moito, podería tamén ser colgado na páxina web do centro. O trato que recibirá o vídeo será o seguinte, para resumir:
- Subido a unha canle de youtube en oculto.
- Publicado no blog que estades a ler.
- Publicado na páxina web do centro.
- Non se empregará para ningún fin diferente a estes.
- Non recibirá difusión nin propaganda pola nosa parte.
Como precisamos unha aceptación dos permisos pola vosa parte, creamos este formulario que poderedes rechear para dar consentimento explícito ás condicións nas que se realizará a actividade:
FORMULARIO PARA OS CONSENTIMENTOS DO VÍDEO
Consta de catro preguntas, así que o tempo que se pode tardar irá entre 20 e 30 segundos.
Pois iso, un resumo de todo o que aquí está exposto, pero en vídeo.
VÍDEO RESUMO
Pois iso, un resumo de todo o que aquí está exposto, pero en vídeo.
Comentarios
Publicar un comentario