Compoñer música en 5 minutos
Martes; 7 de abril de 2020
Seguimos en vacacións e seguimos coa intención de mellorar as habilidades e capacidades ocultas do noso alumnado. Hoxe recomendamos unha aplicación gratuíta -tamén ten versión de pago para móbiles e táblets- na que poder dar renda solta á creación musical.
A ferramenta está dispoñible na súa páxina web, a cal é unha versión de proba gratuíta -aínda que en realidade contén practicamente todas as posibilidades da aplicación, salvo pola elección de idioma e o acceso a unha lista de reprodución predefinida-.
Incredibox nos dá a escoller entre sete estilos de música que están relacionados coa música electrónica e o beatbox -a creación de música a través de ruídos coa boca-.
E xa estamos preparadas e preparados para crear a nosa primeira canción:
Pulsamos en play e comezamos. Agora teremos a unha serie de paisaniños aos cales teremos que vestir cos disfraces, gafas, símbolos e obxectos que nos ofrecen. Hai bastantes opcións entre as que escoller e o mellor é que a primeira vez se explore todas as posibilidades de forma libre. Como veredes nunca hai unha elección equivocada e todo encaixa con todo.
Despois podemos ir apagando paisanos e poñendo outros. Deste xeito creamos unha canción dende 0. Tamén nos dá a opción de gravar a canción para poder compartila con outras persoas, ata un máximo de 3 minutos.
Unha vez que probedes un estilo probade cos demais. Alguns, ademais de darnos unha idea cos obxectos e instrumentos, tamén nos clasifican as opcións en 4 cores, para que escollamos entre percusión, baixo, armonia e canto; dando un nivel de complexidade moito maior.
Por último, se probades a pulsar nas iconas da parte superior che dará instrucións que, unha vez completadas podes desbloquear un videoclip oculto.
Animádevos a faces as vosas propias creacións e veredes que podedes pasar un rato moi animado en compañía das vosas fillas e fillos creando un tema co que bailar.

Comentarios
Publicar un comentario