English III

Venres, 17 de abril de 2020


Imos a polo inglés da semana.

Onte comunicou a Ministra de Educación que o terceiro trimestre sería unha continuación e reforzo do xa visto ata o de agora. Dentro da asignatura de inglés isto ímolo traducir en dous puntos:
  • Continuación co inicio ao recoñecemento lector en inglés.
  • Creación e consolidación do vocabulario visto.

Para chegar a acadar estes dous obxectivos imos a propoñer actividades semanais que poredes seguir dende casa, así mesmo, deste xeito volvo a recomendarvos o uso dalgunha destas aplicacións para móbil que analicei neste artigo durante as vacacións.

Esta semana imos a centrarnos na consolidación do vocabulario de números e xa nos prepararemos para a semana que vén dar un salto a un novo campo léxico. Para o traballo dos números esta semana vos presento dous xogos en liña e unha manualidade para facer un xogo en casa.

PLAYING ONLINE!





Se empregades mozilla firefox como navegador deberedes permitir o uso de contidos flash nesas páxinas para que se inicie o xogo. Iso se fai picando aquí:

PLAY TIME: MEMORY GAME


Xogar é o mellor xeito de aprender. E se ademais tamén creamos un xogo propio, pois mellor aínda. O xogo trátase do típico memory, ese no que hai unhas tarxetas boca abaixo e deben destaparse dúas, buscando formar parellas. 

As parellas deste xogo estarán formadas por dúas cousas: imaxe e palabra. Así que imos a facer unha serie de tarxetas, en papel, que leven unha imaxe ou concepto; e imos a facer outra serie de tarxetas coas palabras correspondentes.

Como xogar a este xogo:

  • Xogando sós. Precisaremos un cronómetro ou reloxo. Antes de nada colocamos as vinte tarxetas boca abaixo. Cando esteamos preparadas ou preparados dámoslle ao inicio para que corra o tempo e, levantando de dúas en dúas, deberemos facer todas as parellas. Se ao levantar dúas tarxetas non coinciden, deberemos darlle a volta boca abaixo de novo. O obxectivo é superar o noso propio récord de tempo. Se tedes en casa unha pizarra pódese ir apuntando o tempo que se tardou.
  • Xogando varias persoas. Aquí non será preciso o cronómetro. Colocamos as 20 pezas boca abaixo e comezará unha persoa levantando dúas. Se non fai ningunha parella volverá a colocalas boca abaixo e pasará a quenda á seguinte persoa. Se se consigue facer unha parella, entón poderá volver a xogar unha vez máis, ata que falle. O obxectivo é facer o maior número de parellas posibles. 

THIS WEEK!


Esta semana imos a facer as primeiras tarxetas deste xogo, o cal se irá ampliando semanalmente incorporando novo vocabulario. As primeiras tarxetas serán cos números. 

Para facelas só precisamos isto:

  • Folios de cores ou en branco
  • Cores, pinturas... 
  • Lapis
  • Tesoiras
  • Pegamento (opcional)
  • Cartón (opcional)

A continuación poño unhas instrucións para facelas no mesmo xeito que as fixen eu, aínda que é formato libre e cada quen as pode facer como queira.

  1. Empregaremos un folio para estas tarxetas. As tarxetas as pensei nunhas dimensións de 5cm x 5cm. Como imos a facer 10 números, deberemos marcar dúas liñas no folio: un lateral de 25cm e outro de 20cm.
  2. Pechamos as liñas deste recadro e recortamos quedándonos con ese rectángulo de 25cm x 20cm.
  3. No borde de 20cm facemos 4 marcas a 5cm de distancia cada unha. No borde de 25cm facemos 5 marcas a 5 cm de distancia.
  4. Unimos as marcas, creando unha malla de 20 recadros de 5cm x 5cm. 
  5. Opcional. Se o pegamos nun cartón dunha caixa de cereais ou de galletas gañaremos en consistencia nas tarxetas e tamén impediremos que se vexa a contraluz o que hai escrito.

  6. A continuación podemos recortar as tarxetas e comezar a escribir nelas. Dez das tarxetas deberán ter os números do 1 ao 10 e as outras os nomes en inglés dos números. Podemos empregar un código de cores se queremos facilitar o labor de recoñecemento, pero a idea é que as nenas e os nenos comecen a asociar as letras e os sons aos números. Vos deixo unha guía na que poder ver como se escriben os números.

NEXT WEEK!


A vindeira semana haberá un novo concepto -serán as preposicións que estivemos vendo as últimas semanas de clase-, ademais, se todo vai ben e o Kahoot comeza a ser unha ferramenta que se empregue sen dificultade, crearei un kahoot que teña por obxectivo o traballo cos números.

Se aínda non o fixestes, neste enlace tedes unha explicación de como funciona o Kahoot.

E sen máis, pasade unha boa fin de semana, pero non me podo despedir sen facer a preceptiva recomendación musical. No día de hoxe toca algo disto que emprego ás veces para levantar os ánimos da nosa rapazada nos nosos peores días, un pouco de black metal con toques rock 'n' roll de Noruega.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Libros de santillana gratis

Mes das letras II

Mes das letras I