Xogos de mesa para a corentena
Domingo, 5 de abril de 2020
As vacacións son un período tan necesario como o curso escolar en si mesmo.
Ás veces nos esquecemos de que un neno ou unha nena precisa sobre todas as cousas xogar. Xogar é a mellor forma de aprender. Unha nena que xoga está aprendendo as propiedades dos elementos -tira bloques, colócaos, derrúbase unha torre e hai que volver a levantala-, organiza as súas ideas -planifica as súas xogadas, os recursos dun xogo de mesa ou establece os pasos a seguir nunha construcion-, utiliza ferramentas sociais -como pedir ese recurso no xogo de mesa, que pensa facer a outra persoa- e desenvolve a creatividade da forma na que esta debe desenvolverse: sen que ninguén che diga como facelo.
Moitos destes aspectos e destrezas son moi útiles na vida real e en calquera traballo ou carreira laboral que as nosas mequetrefes vaian a escoller, pero estas habilidades non están presentes nos odiados temarios, nin nos estándares de aprendizaxe nin nos currículos que se elaboran en escuros recunchos dalgún ministerio ou consellería. A meirande parte das veces, estas habilidades ás mestras e mestres se nos pasan por alto; as esixencias de acadar a materia nun tempo determinado ou uns obxectivos demasiado exactos, por non falar de clases demasiado numerosas, nos leva a que tiremos para diante e deixemos o seu desenvolvemento na man da providencia, sorte ou calquera deidade que escollamos.
Así que para iso se inventaron as vacacións. Un período relativamente longo de tempo no que o alumnado está apartado das tarefas e rutinas escolares e nas que poder desenvolver algunhas destas destrezas ocultas para os nosos currículos.
Estamos a vivir tempos moi difíciles e curiosos. Un neno ou unha nena de 6 anos pouco vai diferenciar un día normal de "clase" con un día de fin de semana ou festivo, polo que é preciso que aproveitemos e explotemos ese tempo para que o empreguen en construír a súa propia personalidade e as súas habilidades. A partir desta semana comezan as vacacións de semana santa e parece que a rutina que tan laboriosamente nos costou levantar agora se vai a derrumbar, pero non desesperedes... Algo podemos facer!
Hoxe vos traio unha serie de recomendacións de xogos non educativos, pero que vos pode animar a facervos con algún deles e probalos en casa cos vosos rapaces e rapazas. Sei que vivimos tempos difíciles economicamente, así que tamén escollín aqueles que teñen prezos máis asequibles e recollín algún que se pode conseguir gratis por internet. Ademais, vos asocio o xogo coas destrezas que se desenvolven no mesmo.
DIXIT
Habilidades traballadas: creatividade a raudais.
A primeira vez que xoguei a dixit me lembro que me quedei prendado polas ilustracións das tarxetas de xogo, pero iso só foi o inicio. A continuación a mecánica do xogo resultou moi divertida e apta para xogar con nenas e nenos pequenos.
O xogo consiste nunha serie de tarxetas con ilustracións con interpretacións moi abertas que deben ser tituladas polas xogadoras e xogadores. O resto de persoas deben procurar entre as súas tarxetas cal é a que mellor se adapta a ese título e despois intentar descubrir entre as tarxetas dos rivais cal é a tarxeta axeitada.
O xogo está recomendado a partires de 8 anos, pero xa vos digo que cun pouco de paciencia e cun par de veces que se xogue calquera nena ou neno de 6 anos comprende como funciona. E ademais permite xogar a moitas persoas de diferentes idades, chegando a ser posible que un neno de 6 gane perfectamente unha partida.
O seu prezo oscila ao redor dos 30 euros, pero se poden atopar tanto as instrucións en internet como paquetes de tarxetas soltas que sirven de expansión, abaratando moito a compra e sendo igualmente disfrutable.
UBONGO
Habilidades traballadas: lóxica espacial e reflexos.
Agora toca un xogo que busca desenvolver ao máximo a lóxica espacial. Consiste nunha serie de figuras tipo tetris que deben ser encaixadas o máis rápido que se poida dentro dunhas plantillas que cada xogador posúe. É un xogo que esixe velocidade, polo que para xogar entre nenos e adultos pode resultar un pouco frustrante para os primeiros porque serán máis lentos á hora de ver onde encaixa cada figura. Aínda así se pode xogar de forma individual ou entre irmáns.
Resulta rápido para xogar, unha partida non soe pasar dos 20 minutos. Así mesmo, tamén se pode aprender moi facilmente como funciona o xogo. Por outra parte, a cantidade tan grande de plantillas fan deste un xogo case infinito e no que rara vez se van a repetir partidas.
ISLA PROHIBIDA / DESIERTO PROHIBIDO
Habilidades traballadas: a cooperación e o traballo en equipo, planificación de accións.
Un xogo estrela dentro dos xogos cooperativos. En este caso hai dúas edicións, sendo a Isla prohibida (de 2 a 4 xogadores) o que primeiro saiu e o Desierto prohibido (de 2 a 5 xogadores) algo posterior; pero cunha mecánica moi similar. Novamente a recomendación di que o xogo está pensado para maiores de 10 anos. Unha vez máis, a recomendación está pensada para nenas e nenos que xoguen sós, pero se xogades con elas e eles, calquera mequetrefe de 6 anos pode aprender a xogar e a colaborar.
O xogo nos plantexa, en ambos casos, un mapa cambiante -se conforma cunha serie de lousas de cartón que están boca abaixo e que se moven ao final dos turnos, no caso do deserto ou se afunden no caso da illa-. Cada xogador ou xogadora será unha personaxe dentro do xogo con habilidades únicas e útiles se se desenvolven en equipo. Estas habilidades permiten ao equipo acadar os obxectivos: conseguir partes dunha antiga máquina voadora para escapar do deserto antes de morrer ou antigas reliquias dun templo a piques de irse ao fondo do mar no caso da illa.
Resulta moi rápido tanto na súa aprendizaxe como no xogo, unha partida pode durar uns 30 minutos. Ademais, permite poñer niveis de dificultade adicionais unha vez que se domina o xogo, polo que sempre suporá un reto. Así mesmo, tamén se pode xogar individualmente manexando varias personaxes a un mesmo tempo.
Vos deixo un video da Isla prohibida:
E un vídeo do Desierto prohibido:
VIRUS
Habilidades trabaladas: intelixencia social e planificación das xogadas
E este non podía faltar na lista de recomendacións. Hai pouco se convertiu en noticia por ser o xogo de mesa máis vendido nos últimos tempos. Resulta moi sinxelo, atractivo e divertido. Ademais, está coa temática de moda, así que que máis podemos pedir.
O xogo, que pode ser ata un máximo de 6 xogadores e cun mínimo de 2 -aínda que recomendo que sexades tres ou catro para poder disfrutalo do mellor xeito posible-, consiste en infectar partes do corpo dos rivais e conseguir para ti un corpo completamente curado e a proba de virus.
As partidas son moi rápidas, xa vin algunha rematar antes de 10 minutos e rara vez van máis aló dos 30 minutos, e resulta realmente fácil de aprender a xogar. Tanto que resulta estrano que a recomendación sexa de 8 anos para arriba.
KING OF TOKYO
Habilidades traballadas: planificación das accións, intelixencia social.
Pois destruír unha cidade enorme dende o salón de casa non está nada mal. Seguramente ninguén poñería este xogo como un exemplo de xogo educativo, pero tamén estou seguro de que unha rapaza ou rapaz de 6 anos vaino disfrutar coma nunca.
Neste xogo escollemos un monstruo entre 6 dispoñibles e nos adicamos a fortalecernos, absorvendo enerxía e gastándoa para comprar novas habilidades que nos fagan os máis temibles e horroríficos posibles. Desátase así unha loita pola supervivencia entre as abominacións que habitan en Tokyo para ver quen é a máis poderosa.
Recomendado a partires de 8 anos. As explicacións das habildiades están por escrito, polo que a práctica da lectura estará asegurada. Non obstante, pode resultar complicado se non comprenden en que modo lles pode beneficiar ou perxudicar unha habilidade determinada. Iso si, unha vez que se aprendan como funcionan ou, no caso de ter esa sorte, se teñen irmán maiores poden perfectamente explicarse as instrucións xa que tampouco son moi complexas.
As partidas son moi rápidas e dinámicas e rara vez gana a mesma persona, xa que hai unha compoñente de azar moi grande.
XOGOS GRATUÍTOS
Non tódolos xogos teñen que costar diñeiro, senón que ás veces a diversión consiste en crear o teu propio xogo. Por internet existen plantillas de xogos coñecidos que se poden descargar e imprimir -ás veces caendo en algunha ilegalidade, pero é o que hai-, tamén hai páxinas como esta na que se poden descargar de xeito legal as plantillas dos xogos máis coñecidos de tódolos tempos para que poidas construír en casa un xogo a medida.
E vos fago unha recomendación, para espertarvos a imaxinación. Que tal sería construír o noso propio Trivial. O taboleiro se pode descargar na páxina que citei máis arriba e as preguntas poden ser sobre cousas da casa ou sobre as persoas da vosa familia: en que ano naceu a avoa Mariquiña? ou cal é a canción que cantou Pablo no nadal do ano pasado?. Deste xeito, cada persoa da familia pode crear as súas propias preguntas e ver quen sabe máis sobre os demais.






Comentarios
Publicar un comentario