English V
Venres, 8 de maio de 2020
Bos días e feliz fin de semana, pero antes de iso tócanos un pouco de inglés. Como está a ser costume nesta nosa nova rutina de traballo teremos a presentación dunha nova serie de contidos para traballar a semana que vén, o repaso do visto a semana pasada e, por último, a construción dunha nova tanda de fichas para o noso xogo do memory. Imos aló!
REPASAMOS AS PREPOSICIÓNS
A semana pasada traballáramos as preposicións in, on, under e behind. Agora chega o momento de poñelo en práctica. Para iso diseñei un kahoot que se compón do seguinte:
- Explicación: seis diapositivas repasando tanto os dous conceptos de ball e box como as catro preposicións que imos a ver.
- Exercicios de recoñecemento: catro preguntas nas que se intercalarán as catro preposicións.
- Exercicios de recoñecemento veloz: catro preguntas nas que as preposicións irán aparecendo pouco a pouco para dificultar un pouco máis o recoñecemento.
- Exercicios de completar: catro oracións onde deberán escoller a preposición axeitada.
O kahoot podédelo encontrar neste enlace:
KAHOOT DE PREPOSICIÓNS
E coma de costume estará dispoñible toda unha semana, en concreto ata:
Xoves, 14 de maio de 2020, ás 20:00 horas.
NOVO CONTIDO PARA ESTA SEMANA
Nesta semana incorporamos todo un clásico do traballo co alumnado de primeiro curso: as cores. En si mesmo, moitas delas xa as traerán afianzadas dende educación infantil, pero agora é o momento de recoñecer por escrito as palabras que as denominan. Así vos traio un vídeo cunha canción -que xa coñecen- sobre sete cores, nas cales nos centraremos. Este é:
De entrada podedes facer un xogo con elas e eles no fogar -incluso se teñen irmáns pequenas e pequenos de educación infantil tamén se poden unir, porque xa o fixeron comigo tamén-. O xogo consiste en empregar a parte final do vídeo, cando van sacando cada unha das cores e repetindo a palabra. Podemos pasuar o vídeo e pedirlles que nos traian algo desa cor.
Para dificultar máis o xogo podemos apartar a pantalla para que só escoiten e recoñezan as palabras.
AMPLIAMOS O NOSO XOGO DE MEMORY
Imos a crear as novas fichas coas sete cores desta semana para incorporar ao noso particular xogo de memory. Lembrade empregar sempre as mesmas dimensións que nas anteriores ocasións para poder misturar ben as fichas. Dende que comecei a facer isto sempre emprego as mesmas dimensións e os mesmos pasos que podedes consultalos nesta entrada: English III.
Aquí vos deixo unhas fotografías nas que resumo como confeccionei as tarxetas desta semana. Espero que vos sirva de axuda.
E por último, a recomendación musical. Un dos vídeos favoritos que emprego para cando o alumnado traballa na aula e que vai moi a propósito co contido desta semana. Tamén quixese lembrarvos de que mañá e pasado se publican a terceira e cuarta parte do conto de A galiña azul.




Comentarios
Publicar un comentario